Sunday 12 de May de 2024

A Casa Museo María Pita acolle desde este martes unha mostra de pintura de María José Freire Cisneros


A exposición estará aberta ata o vindeiro 10 de decembro

A partir deste martes a Casa Museo María Pita acollerá unha exposición con obras pictóricas de María José Freire Cisneros. O acto inaugural será ás 19.00 horas e contará coa presenza da artista, natural de Pontedeume. A mostra estará dispoñible para a cidadanía ata o vindeiro 10 de decembro no horario habitual da Casa Museo.

Freire Cisneros estudou na Escola de Altos Estudos Mercantís da Coruña. Na súa mocidade tomou leccións do pintor Seijo Rubio e máis adiante da pintora Ángeles Oscaña. A súa traxectoria é notablemente extensa, participando en numerosas exposicións individuais e colectivas.

É membro da Asociación de Artistas da Coruña, cidade na que reside e desenvolve o seu labor artístico. No seu currículo figuran múltiples exposicións entre as que se atopa a colectiva “En feminino II” no Salón de Outono e no II Salón de Primavera organizados pola Asociación de Artistas da Coruña, que tiveron lugar na Casa Museo Casares Quiroga nos anos 2021 e 2023.

En canto á súa obra, Freire Cisneros entende a arte pictórica como o resultado de mirar o mundo desde unha perspectiva caleidoscópica, na que se funden a inquedanza, a sensibilidade, a forma, a cor, os seres humanos no seu devir vital, a natureza, a luz… Os pinceis obran sobre a paleta de cores o milagre desa alquimia que frutifica, cumprida, sobre o lenzo.